12/07/09

Big Jump

Este domingo vai ao teu río, pega un salto e tira unha foto. E logo mándaslla a Adega, que colabora coa European Rivers Network na defensa dos nosos cauces.

O Big Jump é unha iniciativa da European Rivers Network a prol da protección efectiva dos ríos, que exixe a aplicación da Directiva Marco da Auga. Unha xornada festivo-reivindicativa que secundan numerosas organizacións europeas, no noso país da man de Adega e o Proxecto Ríos.

Dende a asociación ecoloxista galega denuncian o atraso na aplicación da Directiva Marco da Auga, e o que “semella” o “rexurdimento da ameaza das minicentrais co novo Goberno na Xunta”.

Por isto, chaman á participación este domingo. Ir a un río, pegar un chimpo, tirar unha foto e mandárllela, é o que nos piden dende Adega e o Proxecto Ríos. O enderezo é adega@adega.info, e cómpre sinalar o lugar, os participantes e as ameazas ou agresións que sofre ese curso fluvial.

En 1995, o ecoloxista Roberto Epple convocou un baño multitudinario en diferentes localidades do río Loira para reivindicar que no ano 2015 a Directiva Marco da Auga sexa unha realidade, e os ríos europeos estean limpos para que o seu uso pola poboación non supoña un problema de saúde. Dende entón o Big Jump concentra todos os anos milleiros de persoas en centos de ríos de Europa.

Vieiros